galego

Sábado 21 de xuño: solsticio de verán na Eira da Xoana

Lume-Novo-2014-peque
PROGRAMA:

11.30 h => Obradoiro de horta sostíble de baixo mantemento. O custe por participar na actividade será de 5 €.

14.30 h => Xantar de convivio. Cadaquén traerá o seu para compartir.

17.00 h => Recollida de plantas para preparar auga purificadora con que lavarse ó día seguinte.

19.00 h => Inicio dos preparativos do Solsticio.

Para a sardiñada , magníficas sardiñas do xeito de Cambados, poñeremos unha aportación solidaria de 6€.

Para participar é conveniente que avisedes con antelación para mellorar a organización desta xornada. Para facelo poñédevos en contacto con Pepe, con Marcial ou a través do email.

Fonte: http://eiradaxoana.blogaliza.org/

 

II Xornadas Rurais

II Xornadas Rurais… o agro quere xente, desta volta en Negueira de Muñiz

Hai uns pocos meses celebramos en Ramil, Agolada, un encontro que supuxo para moitos e moitas d@s que participamos do mesmo un novo ponto de partida na nosa ansia de conquerir un agro galego vivo e con futuro, algo que por momentos e desde a soidade e individualidade das nosas casas e proxectos parecía tornarse imposíbel. Agora cremos que imposíbel non é, ainda dentro da dificuldade que supón. Esas primeiras xornadas serviron e boa maneira para elaborar unha primeira diagnose do noso rural e dos atrancos e complicacións que supon establecer novos proxectos ou mesmo continuar coa atividade que comezaran as nosas familias.

Esa primeira iniciativa deixou aos e ás participantes coa necesidade de seguir aqueles debates, e mesmo acrescentalos… incorporar novas cuestión, desenvolver algún obradoiro, voltar a sentir a compañía e a comprensión de persoas que como nós loitan cada dia contra un sistema que nos afoga mestras premia aos expoliadores do territorio. Asi contemplamos como mandatarios locais aplauden coas orellas cando unha empresa, responsábel do afundimento das granxas de cabrun de leite do estado, aterra na Ulloa aproveitando a inminente desaparición das cuotas leiteiras para dar unha nova volta de porca á delicada situación do setor leiteiro nunha comarca que volta ver aos seus fillos e fillas coller o camiño da emigración.

Non moi lonxe de ali, as escavadoras desfán montes e pasteiros para dar paso a un campo de golf, onde uns/unhas pouc@s pasarán as tardes vareando unha pelota de plástico, mentras @s veciñ@s amosan a súa ledícia agora que vacas e tratores deixan paso a Audis e Mercedes… e asi poderiamos seguir durante horas percorrendo a Galiza de ponta a ponta e atopando cenarios similares, e sen esquecer a ameza mineira que segue sobrevoando sobre nós.

Este é o País que nos están a deixar…. Se lles deixamos.

A resposta témola nós. E Negueira de Muñiz será o marco dese novo encontró. Unha pequeña illa de liberdade que leva 40 anos amosando que o rural pode ser doutra maneira. Que as atividades tradicionais son presente e teñen futuro. Que pode haber nenos e nenas que nazan na nosa terra sen levar unha maleta debaixo do brazo.

Estas novas xornadas precisan da colaboración de todos e todas nós. A túa participación empeza desde o momente que te preinscribas para as mesmas. Podes facelo desde xá no correio xornadasrurais@inventati.org. Até o dia 3 de xuño poderanse facer suxestións para o programa das mesmas. Ademais recibiredes a información necesaria para participar (como chegar, materiais e utensilios que terías que levar,…) O encontró celebrarase os días 3, 4, 5 e 6 de xullo. Se precisas mais información non duvides en contactar con nós no correio xornadasrurais@inventati.org. E se queres participar mais activamente na rede e na preparación das xornadas podes subscribirte a lista de corre-e mandando a un correo-e a: oruralquerexente@inventati.org

Estamos agardando por ti. O noso rural agarda por ti.

Experiencia de retorno a o rural

Eiquí van unhas liñas sobre a miña experiencia vivida nas primeiras xornadas celebradas en Ramil os derradeiros días de febreiro. En día e medio de convivo xuntouse nesta pequena aldea un grupiño singular de xente con moitas ganas de compartir e intercambiar pensamentos sobre o rural deste país. Moitos proxectos buliron no ambiente e tralos relatorios de experiencias xurdían debates e conversas do máis interesante.

Sen referencias previas e case sen coñecer a xente que ía falar, é sinxelo atopar puntos comúns e de vista que un ten no diario de xeito individual. Algo que compartir con persoas tan diversas que nunca pensarías atopar. O certo é que moita xente hai en movemento xa, sorprendeume a cantidade de proxectos postos a andar. Algúns con moita experiencia, tradicionais xa do que hoxe alcumamos neorrural e que a xente de Ernes i arredores leva facendo dende hai unha pila de anos, outros como Xixirín, comezaron hai pouco, en relativa comparanza claro, mais fornecedoras de ideas e ambiente positivo que axuda a facer máis sinxelo o camiño. I entre medias persoas que procuran grupo, grupos que procuran aldeas i aldeas que procuran persoas. Un crebacabezas que debemos recompoñer.

Imaxe1240

Tres meses pasaron dende a xuntanza no que o meu proxecto botou a andar. Doume de conta que non foi o intre no que puxen os pés na aldea cando comezara esta feliz loucura, moito antes xa, só as circunstancias levaron os meus pasos ata a Eira da Xoana e a partires de entón digo que vivo no rural, mais pensando en rural dende hai tempo xa. Ese é outro conto. Como comezar?

Do que logo veu: a creación de rede a través da plataforma virtual e a preparación do vindeiro convivo na aldea de Ernes, un suspiro, eche algo que estamos a tecer entre o grupo de participantes nas anteriores xornadas e as persoas que desexan ser parte dende entón… Verémonos aló?

Crónica das xornadas: o agro galego pide xente

O sábado 22 e domingo 23 de febreiro leváronse a cabo con éxito as Xornadas “O agro galego pide xente”. Reunímonos sobre medio centenar de persoas vinculadas á terra, ás colectividades e á defensa do territorio.
CENTRO-de-EDUCACIÓN-MEDIOAMBIENTAL-“EIRA-da-XOANA”-Angeles-Castro-Dapena
Conversamos sobre un novo rural galego en loita e crecemento, máis vivo e alegre, recuperando vellos saberes e integrando novos. Un rural que semente autonomía para as persoas e propicie relacións máis humanas. Todo esto como alternativa ao modelo socioeconómico e cultural que nos ven imposto.
Tralas mesas de debate onde se espuxeron diferentes proxectos ubicados na Galiza, as conversas, a música e un bo xantar XURDIU A PROPOSTA DE FACER REDE E CHEGAR A MÁIS XENTE, ¿CÓMO?
Propoñemos comezar por menternos en contacto física e virtualmente:
1. Queremos volver a vernos, e plantexamos dúas formas: a primeira é reuníndonos o VINDEIRO 6 DE ABRIL dende as 10:30 da mañá. Poñeremos a disposición dos participantes un novo formulario de inscrición para esa reunión de traballo e mandarase un correo a nosa lista de contactos para quen queira participar e onde se especificará o lugar da reunión. Quen desexe participar e pense que non esta na lista de contactos, que mande un correo a xornadasrurais@inventati.org
O obxectivo desta reunión é traballar e desenrolar unha proposta de PORTAL WEB. Máis abaixo describimos un pouco máis a proposta xurdida. A xente interesada en colaborar nesta reunión de traballo e presentar propostas concretas pode envialas directamente ao correo electrónico: xornadasrurais@inventati.org  Asunto do mail: Proposta WEB
2. A segunda ocasión para encontrarnos será no SEGUNDO ENCONTRO “O AGRO GALEGO PIDE XENTE”!! que terá lugar en XUÑO en NEGUEIRA DE MUÑIZ 
(A Fonsagrada, Lugo).
Si tedes ideas e aportacións para os contidos (obradoiros!, charlas!, debates!, outras actividades!, concertos!…) ide preparándoas que pronto faremos chegar unha nova convocatoria.
3. Por último pedirvos que aportedes contidos a https://xornadasrurais.wordpress.com para manternos en contacto tamén virtualmente: Artigos, convocatorias etc. Podedes envialos tamén a xornadasrurais@inventati.org Asunto: Contido blog.
A PLATAFORMA WEB: DESCRIPCIÓN DA PROPOSTA DESENROLADA O DOMINGO
1. ¿A quen vai dirixida a web?
A persoas interersadas na ruralidade, na agricultura e outras actividades; persoas que vivan no campo ou queran vincularse a él dalgunha forma, persoas interesadas no rural galego, a colectivos ou cooperativas, a entidades que traballan no ámbito da sensibilización coa defensa do territorio e o patrimonio, …En definitiva, a persoas cunha sensibilidade cara a cuestión e que vexan importante conservar e defender ás persoas, o medio e o territorio.
2. Obxectivos e formato: 
2.1.- Compartir e difundir INFOMACIÓN E NOTICIAS DIVERSAS VINCULADA A RURALIDADE e AUTONOMÍA: Monte en man común, certificaciones participativas, Software libre, bioconstrucción, loitas ambientais, agroecoloxía etc…
2.2.,- APOIO A POBOADOR@S E REPOBOADOR@S:
        – Foros para compartir info temática, preguntas frecuentes ou non frecuentes…
        – Biblioteca virtual (wiki?)+
        – Mapeo de aldeas abandoadas e proxectos agro xa activos (posibilidade de empregar o mapeo xa en marcha de Arquipélagos)
2.3.- XERAR REDE e VISIBILIZARNOS:
    – Linkar con outros proxectos, plataformas…
    – Difundir CONVOCATORIAS e manter o contacto entre a actividade dos grupos
    – A través dunha lista de proxectos (os que desexen figurar) ou a través do mapa.
2.4- APOIO MÚTUO:
Qué recursos temos para intercambiar? Coñecementos? Xerar un pequeno rexistro que nos sirva para intercambiar eses recursos, coñecementos…
3. ¿Cómo o faremos?
– Chamaremos á porta de colectivos que traballan neste ámbito e tamén contando con todas as persoas asistentes ás xornadas. Comparitremos un listado de contactos.
– Empregaremos mentres o blog xornadasrurais.wordpress
– O 5 de abril un grupo de compañeiros traerán unha proposta de estructura, deseño e contidos máis desenrolada. A esta reunión podemos levar tamén propostas definidas e un pouco elaboradas. Este día definiremos próximos pasos para vernos en Xuño en Negueira de Muñiz e seguir desenrolando propostas.
– Buscaremos un servidor para aloxala e temos que falar de si colectivamente asumimos o coste do dominio (15-30 euros) e máis cómo xestionaríamos a actualización e mantemento.
Unha aperta e vémonos pronto!

O agro galego pide xente

angar_624215_0x0_justif

A cada momento son mais os lugares que fican avandonados. Casas e leiras son pasto das silveiras e o noso rural empobrécese ao mesmo tempo que a povoación se avellenta e finalmente desaparece. Mais esta situación non é casual. A agricultura e a gandeiria sufriron o embate das políticas ditadas pola Unión Europea e o grande capital, que lonxe de buscar dinamizar e facer do medio rural unha opción para os mozos e mozas, rurais ou non, no que desenvolver a sua atividade e as suas vidas, deseñaron todo un plano de destrucción e desmantelamento que nos leva à dificil situación actual.
Primeiro dixeron que tiñamos que ser mais “modern@s” e “profisionais” para competir en Europa e neste novo mundo globalizado. Que ademais tiñamos que ser mais grandes, que as pequenas explotacións que secularmente alimentaron este país e que foron graneiro e despensa de nacións veciñas e mesmo de ultramar non tiñan futuro. Dixeron  que ademais tiñamos que ser menos, e que os primeiros en desaparecer eran eses “pequenos” que ainda sobrevivian e que eran unha distorsión no novo modelo de “modernidade” que nos traia os ventos que sopraban desde Bruxelas, e o campo poria a tod@s ric@s, e os fillos e fillas dos labregos poderian estudar unha carreira e fuxir das miserias doi campo…
No nome da profisionalización as explotacións convertéronse en monofuncionais. Instalaronse os novos modelos produtivos, de grandes establos e de animais presos encerrados entre muros de formigón. Despreciouse a capacidade produtiva da nosa horta e noutros setores, como o viñedo, deuse paso à entrada de capital especulativo e a modelos tipo “Falcon Crest” que nada teñen a ver coa nosa realidade.
Mais a crise do modelo económico que nos azouga está a pór en cuestión ese “fantástico” deseño do noso rural: as explotacións que se fixeron dependentes de insumos alleos à explotación e sobre todo das axudas europeas ven que esas agora non chegan. A dramática redución de explotacións fai que os e as poucos que quedan teñan unha escasa cando non nula capacidade de presión e nogociación á hora de definir o prezo das suas producións,  e a Adminitración, na sua promesa de “austeridade”, desmantela os poucos e moitas veces precarios servizos que tiñamos no medio rural.
Mais ao mesmo tempo xente nova chega ao noso rural. Uns/unhas empeñanse en quitar adiante as explotacións familiares, con novas ideas e novos proxectos.  Outros/as acheganse por primeira vez ao campo desenvolvendo novas atividades ou recuperando vellos oficios con novos folgos e moita imaxinación. Distintos proxectos, distintas visións, mais unha reflexión coincidente: o noso agro ten futuro.
Este é o motivo destas Xornadas: coñezámonos, compartamos as nosas experiencias, os nosos erros e os nosos acertos, as nosas ilusións e e os nosos medos, reflexionemos sobre o noso futuro,  desde os proxetos persoais aos comunais, desde a multifuncionalidade, a ecoloxia, o respeito polo medio e co ollar posto na nosa soberania alimentar. Cremos que o noso rural ten futuro, mais teremos que escribilo entre todos e todas nós, e non deixar, outra vez, que sexan outros quen o fagan.